Thursday 16 de May de 2024

O concello efectuará a partir da tarde deste sábado un ensaio de peonalización sobre catro rúas da cidade de Riveira


Só se permitirá o acceso a garaxes e para carga e descarga

O Concello de Riveira informa de que, tras as probas efectuadas coincidindo con festas de verán, a partir desta fin de semana terá lugar unha novo ensaio de peonalización na cidade de Santa Uxía que atinxirá a catro rúas ademais de invertir o sentido da circulación noutra.

Así, a partir das 15 horas deste sábado 12 as rúas nas que se restrinxirá o acceso do tráfico son:
• Rosalía de Castro no tramo comprendido entre a praza do Concello e rúa Galicia,
• Mendiño,
• Otero Pedrayo
• Mariño de Rivera entre a avenida Miguel Rodríguez Bautista e a praza do Concello.

Si se permitirá o acceso a garaxes, ademais de para labores de carga e descarga e vehículos de emerxencia. Consecuentemente con isto no se poderá aparcar salvo para carga e descarga nos horarios regulamentarios. Por outra parte, invertirase o sentido da vía en travesía Canarias.

Ata o 21 de novembro
Está previsto que os ensaios permanezan operativos ininterrompidamente ata o luns 21 de novembro e, neste senso, un dos aspectos nos que se quere prestar especial atención é como inciden estes cambios en Alcalde Fernández Bermúdez e Miguel Rodríguez Bautista.

Cómpre lembrar que a decisión destas probas foi tomada na Mesa da Peonalización do pasado xullo en consonancia co PMUS (Plan de Mobilidade Urbana Sostible) na procura de ir dando pasos que fagan de Santa Uxía de Riveira unha cidade máis humanizada, habitable e sostible e verificando o impacto que estas transformacións poidan ter nos sectores e colectivos afectados: dende o transporte e o comercio ata os condutores, peóns e persoas con mobilidade reducida.